Compartir

Comeza o prazo de solicitude de axudas para a adaptación dos sistemas de recepción da TDT

23/09/2019 – O xoves 26 de setembro comeza o prazo de solicitude de axudas públicas para a adaptación dos sistemas de recepción do sinal de televisión nos edificios afectados pola liberación do segundo Dividendo Dixital.

As comunidades de propietarios que precisen realizar os cambios (edificios con instalación de antena colectiva, con sistemas monocanle ou centraliñas programables), deberán poñerse en contacto con un instalador de telecomunicacións rexistrado para efectualos. A información de contacto pode atopala no Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións da Secretaría de Estado para o Avance Dixital (SEAD). Non será preciso realizar esta adaptación nas vivendas unifamiliares e en edificios con instalación de antena comunitaria con amplificadores de banda ancha. Así mesmo, en xeral, non se verán afectados polo cambio de frecuencias as vivendas da provincia de A Coruña, agás as que reciban o sinal de televisión dalgún centro emisor situado nas áreas xeográficas de Lugo ou Pontevedra.

A convocatoria de axudas publicarase o 25 de setembro e o prazo de recepción de solicitudes quedará aberto a partir do día seguinte. As axudas poderán solicitarse, trala realización da adaptación das instalacións de recepción do sinal da TDT, ata o 30 de setembro de 2020 a través das sedes electrónicas da entidade pública empresarial Red.es ou do Ministerio de Economía e Empresa. As contías da subvención oscilan entre 104,3€ ata 677,95€ por edificación, en función dos cambios precisos para a adaptación.

Os cidadáns poderán consultar as súas dúbidas na páxina web http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 y 910 889 879.

Fonte:

Red.es

Comeza o cambio de frecuencias para a liberación do segundo Dividendo Dixital en Lugo

18/09/2019 – O 18 de setembro comeza o cambio de frecuencias de televisión dixital terrestre (TDT) en 58 municipios da provincia de Lugo. Este proceso durará uns 6 meses aproximadamente.

Durante o cambio de frecuencias as cadeas de televisión emitirán simultaneamente a través das novas e das antigas frecuencias na maioría dos centros da rede principal de difusión. Producirase a migración de dúas das frecuencias actuais a outras por debaixo dos 700MHz e a maiores, ao finalizar o proceso, vaise realizar un intercambio de contidos entre dous múltiplex. Estes cambios implicarán que sexa necesario facer unha resintonización de canles nos televisores.

A nova canle de emisión para o múltiple autonómico na área xeográfica de Lugo é a canle 31 de UHF, que xa se está a emitir desde os centros de Páramo, e os do norte da provincia de Lugo: Mondigo (Ribadeo), Lourenzá, Burela e Viveiro.

Nas próximas semanas acenderanse progresivamente outros centros emisores do múltiple autonómico da provincia de Lugo, na canle 31.

Por outra banda, os cidadáns que vivan en edificios con instalación de antena colectiva, con sistemas monocanle ou centraliñas programables, deberán realizar adaptacións nestes equipamentos. Para levar a cabo esta adaptación, as comunidades de propietarios deberán poñerse en contacto con un instalador de telecomunicacións rexistrado para efectuala.

O custo das actuacións necesarias para a adaptación estará subvencionado. O pasado 21 de xuño aprobouse o Real Decreto polo que se conceden subvencións para das actuacións nos sistemas de recepción do sinal de TDT nas edificacións afectadas polo segundo Dividendo Dixital. A contía da subvención oscila entre 104,3€ e 677,95€, en función dos cambios precisos para a adaptación. A solicitude de axudas realizarase online ata o 30 de setembro de 2020 trala realización da adaptación das instalacións de recepción do sinal da TDT.

Os cidadáns poderán consultar as súas dúbidas na páxina web http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 y 910 889 879.

Apróbase o Plan Técnico Nacional da TDT

25/06/2019 – Hoxe publícase no Boletín Oficial do Estado dous reais decretos clave no proceso de liberación do segundo dividendo dixital:

- O Real Decreto 391/2019 de 21 de xuño aproba o Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre e regula determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital.

- O Real Decreto 392/2019 de 21 de xuño regula a concesión directa de subvencións para compensar os custos derivados da recepción ou acceso aos servizos de comunicación audiovisual televisiva nas edificacións afectadas pola liberación da banda de frecuencias 694-790 MHz (segundo dividendo dixital).

Co segundo dividendo dixital liberarase a banda de 700MHz (actualmente ocupada por canles radioeléctricos de televisión), e ten como obxectivo garantir a prestacións de servizos con tecnoloxía 5G e a extensión da súa cobertura, en particular, nas zonas rurais. Este proceso terá que finalizar o 30 de xuño de 2020 segundo o calendario establecido pola normativa europea.

Este Plan Técnico mantén a actual oferta de canles de televisión dixital terrestre, identificando as canles radioeléctricas utilizadas actualmente pola televisión e substituíndoas por novas canles radioeléctricas nunha banda inferior (470-694 MHz).

Este cambio de frecuencias da TDT implicará nos vindeiros meses a adaptación das instalacións de recepción colectivas. O Real Decreto 392/2019 regula a concesión directa de subvencións por valor de 150 millóns de euros para as comunidades de propietarios poidan adaptar as instalacións de recepción de televisión. As contías da subvención oscilan entre 104,3 € e 677,95 €, en función da infraestrutura previamente instalada.

Máis información:

https://boe.es/boe/dias/2019/06/25/pdfs/BOE-A-2019-9513.pdf

https://boe.es/boe/dias/2019/06/25/pdfs/BOE-A-2019-9514.pdf

O Goberno publica o Plan de Actuacións para a liberación do segundo Dividendo Dixital

23/07/2019 - Despois da publicación o pasado mes de xuño do Real Decreto polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da TDT e se regulan determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital, o goberno ven de publicar o Plan de Actuacións para a liberación do segundo dividendo dixital.

O plan recolle as accións necesarias para executar dun xeito coordinado e organizado as actuacións previstas no dito Real Decreto, e cumprir as previsións para finalizar o proceso de reorganización de frecuencias a mais tardar o 30 de xuño de 2020. Neste plan divídense as actuacións en catro ámbitos: frecuencias, técnico, seguimento e control e comunicación, e establécense as accións a levar a cabo en cada un deles.

A Secretaría de Estado para o Avance Dixital facilitará a través da páxina web www.televisiondigital.es así como a través do Plan de comunicación contemplado no Plan de Actuacións, a información sobre o despregamento, cese de emisións e reordenación de contidos, que sexa de interese para os cidadáns.

No seguinte enlace pode verse dito documento:

https://www.televisiondigital.gob.es/2DD-5G/Documents/plan-actuaciones-2DD5G.pdf

Inicio das emisións en HD das dúas canles da TVG.

26/03/2019 – A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) anuncia na súa páxina web, o comezo das emisións en alta definición das súas dúas canles -G e G2-.

Segundo indican, durante os últimos meses traballouse para conseguir emitir en HD polas dúas canles, non só unha como estaba inicialmente previsto. Así mesmo continuarán as actuais emisións en SD destas canles.

A CRTVG informa á audiencia a través dos seus programas, das redes e da súa páxina web http://hd.crtvg.es/, sobre cómo sintonizar nos televisores estas canles HD.

Acceder á nota de prensa:

http://www.crtvg.es/crtvg/noticias-corporativas/a-tvg-emitira-en-alta-definicion-polas-duas-canles-desde-o-vindeiro-martes-26-de-marzo

Fonte:

Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG)