“Usamos cookies propias e de terceiros para fines estatísticos, análise de uso e medición da nosa páxina web. En ningún caso se utilizarán as cookies para recoller información de carácter persoal.”

Se continúa navegando consideramos que acepta o seu uso

Acepto

Compartir

Acendidos da rede de telefonía móbil con tecnoloxía 4G e 5G na semana do 16-22 de maio

16/05/2022: Entre os días 16 e 20 de maio, os operadores de telefonía móbil teñen previsto  o acendido de diversas estacións para a emisión do sinal de telefonía móbil con tecnoloxía 4G ou 5G, nas bandas de frecuencia de 800 e 700 MHz, respectivamente, que permitirá aos usuarios mellorar, entre outras,  a velocidade das conexións o consumo dos dispositivos e a cobertura móbil no interior das vivendas.

Segundo a información trasladada, os acendidos produciranse en estacións ubicadas nos concellos de Arteixo, A Coruña, Miño, Narón, Neda, Oleiros, Oroso, Santiago de Compostela, Santiso, Alfoz, Begonte, Lugo, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Baiona, Oia, O Porriño, Pontevedra, Ribadumia, Soutomaior e Vigo.

Compre sinalar que estes acendidos poden causar, en determinados casos, interferencias na recepción do sinal de televisión. Os cidadáns que estean neste caso, precisan instalar un filtro LTE/4G-5G que anule o sinal de telefonía que están a captar as antenas de televisión, para o que deberán poñerse en contacto coa entidade xestora llega700, creada polos operadores de telefonía móbil, para que lles informe ao respecto.

Esta entidade leva a tramitación das interferencias 4G-5G no sinal de televisión, a través do teléfono 900 833 999 ou da súa páxina web www.llega700.es, e deberá:

  • Analizar e, no seu caso, resolver as afectacións á recepción do sinal de Televisión Dixital Terrestre debidas ao acendido dunha estación base,  comunicadas polos cidadáns nun prazo de seis meses desde dito acendido.
  • Resolver as afectacións comunicadas nun un prazo máximo de 5 días hábiles, a contar desde a comunicación da afectación.

O custe de todas as actuacións necesarias para resolver as afectacións será gratuíto para os cidadáns.

Mapa 5G Galicia
(Ver mapa despregamento 5G en Galicia)

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital publica a Orde que rexerá as actuacións para evitar interferencias do sinal de telefonía no servizo de televisión.

16/02/2022 – O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital publicou no BOE a Orde EDT/100/2022, mediante a que se establecen as actuacións que deben realizar os operadores prestadores de servizos de comunicacións electrónicas móbiles nas bandas de frecuencias do primeiro dividendo dixital e do segundo dividendo dixital para garantir que a posta en servizo das estacións emisoras en ditas bandas non afecte ás condicións existentes de recepción do servizo de televisión.

Segundo a citada Orde os operadores de telefonía móbil deberán analizar e, no seu caso, resolver as afectacións á recepción do sinal de Televisión Dixital Terrestre debidas ao acendido dunha estación base, comunicadas polos cidadáns nun prazo de seis meses desde dito acendido.

Por outra banda, establécese un prazo máximo para a resolución das afectacións comunicadas de 5 días hábiles, a contar desde a comunicación da afectación. Os operadores de comunicacións electrónicas móbiles deberán crear de forma conxunta un Centro de Atención ao Usuario e unha Oficina Técnica para os Concellos, a través dos que proporcionen información, recepcionen e xestionen as comunicacións de afectacións.

O custe de todas as actuacións necesarias para resolver as afectacións será gratuíto para os cidadáns xa que deberá ser asumido polos operadores.

Esta Orde deroga e ven a ser unha ampliación da Orde IET/329/2015, na que so se tiñan en conta as posibles afectacións debidas ao despregue realizado polos operadores de telefonía móbil na banda do primeiro dividendo dixital.

Para mais información:

https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2022-2532

 

A CNMC informa positivamente o proxecto de Orde que rexerá as actuacións para evitar interferencias no servizo de televisión.

15/02/2022 – A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC ) ven de aprobar o seu informe sobre o Proxecto de Orde que establece as actuacións a realizar polos operadores móbiles para garantir que a posta en servizo das estacións de telefonía móbil nas bandas de 800 e 700 MHZ, que comprenden as frecuencias liberadas durante o primeiro e segundo dividendo dixital, respectivamente, non afecten á recepción do servizo de televisión.

Este informe, en xeral, valora positivamente o proxecto de Orde e urxe á súa aprobación para poder iniciar o despregamento das redes de telefonía móbil 5G na banda de 700MHz, sen que isto afecte ao servizo de televisión que se emite en bandas adxacentes.

Por outra banda, a CNMC propón unha serie de modificacións, co fin de mellorar e ampliar a información accesible ao cidadán e reducir os prazos de resolucións das afectacións comunicadas.

Para mais información:

www.cnmc.es

A TDT e o 5G unen forzas para avanzar no futuro da televisión.

25/01/2022 – As empresas do sector das telecomunicacións xa están a traballar en posibles evolucións da TDT. O proxecto DVB, consorcio que promove os estándares de emisión da Televisión Dixital, e o 5G Media Action Group, chegaron a un acordo para traballar xuntos na emisión da televisión dixital a través do 5G.

Este acordo inclúe a creación dun grupo de traballo conxunto para abordar unha posible solución. O traballo de ambas organizacións basearase na actualización dos requisitos do estándar DVB-I, cuxo fin e permitir ver a TDT a través de internet desde o televisor, e a ampliación do estandar DVB-DASH,  para o seu uso co sinal 5G.

O 26 de xaneiro terá lugar a primeira reunión oficial do grupo de traballo, na que presentarán os requisitos técnicos que ambas partes consideran necesarios para aliñar ambos proxectos. O obxectivo é avanzar nas actividades relacionadas coa combinación dos sistemas 5G e as solucións DVB, algo que levará algún tempo, polo que aínda non hai ningunha data definida para o lanzamento dun novo estandar.

O Real Decreto 391/2019, de 21 de xuño, polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre (TDT),  establece que a banda de 470-694 MHz será utilizada para a prestación do servizo de televisión dixital terrestre, alo menos ata o ano 2030, polo que polo de agora non se vai a realizar unha nova reorganización do espectro radioeléctrico que facilite a distribución da TDT a través do 5G.

 

Para mais información:

www.dvd.org

O Remate das emisións da TDT en SD será a finais deste ano.

12/01/2022 – O Real Decreto 391/2019, polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre (TDT), aprobado polo Real Decreto 391/2019, de 21 de xuño, dispuxo unha limitación temporal á emisión das canles de televisión en definición estandar. Segundo este, a data límite para a emisión con esta resolución é o 1 de xaneiro de 2023.

Durante os últimos anos, as cadeas de televisión foron evolucionando as súas emisións cara a alta definición (HD). Actualmente, todas as cadeas xeneralistas emiten nesta resolución, simultaneamente coa definición estandar, pero aínda quedan algunhas cadeas que deberán realizar o cambio nos próximos meses.

As emisións en HD implican unha mellora na calidade da imaxe, recibíndose con maior nitidez e realismo. A resolución HD aumenta a calidade da imaxe entre catro e cinco veces respecto á da resolución estándar.

Para seguir vendo tódalas cadeas de televisión o vindeiro ano, deberá comprobar que o seu receptor de televisión está preparado para a recepción da TDT en alta definición, en concreto deberá contar coa cualificación HD. Se o seu televisor ten menos de dez anos, e dicir é posterior ao 2011,  xa debería contar con ditas especificacións e poderá seguir vendo a TDT en HD. Se o seu televisor é mais antigo, deberá verificar se nas especificacións conta cun codificador de vídeo H.264/MPEG-4 AVC, especificacións establecidas segundo o Real Decreto 691/2010, do 20 de maio, polo que se regulamenta a Televisión Dixital Terrestre de Alta Definición.

No caso de non dispor dun televisor HD, non sempre será preciso cambialo, xa que existen dispositivos no mercado para facer compatibles os televisores mais antigos coas emisións da TDT en formato HD, aínda que perdendo as vantaxes da resolución de  alta definición.

Para mais información pode consultar as páxinas web da TDT Galicia ou televisiondigital.es:

http://www.tdtgalicia.es/ntdt/index.php?option=com_content&view=article&id=244&Itemid=131

https://televisiondigital.mineco.gob.es/