“Usamos cookies propias e de terceiros para fines estatísticos, análise de uso e medición da nosa páxina web. En ningún caso se utilizarán as cookies para recoller información de carácter persoal.”

Se continúa navegando consideramos que acepta o seu uso

Acepto

Compartir

RTVE presenta a súa primeira proba piloto de emisión en 8K por TDT

20/10/2020 – RTVE realizará este mércores 21 de outubro a primeira emisión piloto a nivel mundial de sinal de televisión en Ultra Alta Definición (UHD) 8K. Santiago de Compostela será pioneira na visualización de emisións demostrativas de Televisión Dixital Terrestre coa máxima resolución dispoñible.

Para esta primeira emisión organizarase un evento semipresencial, para cumprir coas recomendacións de seguridade derivadas da situación actual de crise sanitaria debido á COVID-19. O Instituto Oficinal de RTVE proporcionará o sinal en streaming para que os asistentes poidan seguir o acto de xeito remoto. 

O sinal radiarase desde a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións da UPM, nunha canle asignada temporalmente para a realización destas probas. Ademais, tamén se emitirá o sinal de televisión  8K  desde varios centros emisores da empresa Cellnex Telecom situados en Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Zaragoza, e tamén desde o emisor situado no monte Pedroso en Santiago de Compostela.  O piloto que se vai a poñer en marcha permitirá emitir e recibir un sinal de TDT en Ultra Alta Definición (8K)  desde Pedroso pola canle radioeléctrica 33.

Esta proba piloto enmárcase dentro das actividades da Cátedra RTVE na Universidade Politécnica de Madrid e será posible grazas á colaboración dos membros do seu Comité Asesor Tecnolóxico, ao cal pertence a empresa galega Televés Corporación. 

 Mais información –

https://www.rtve.es/rtve/20201019/rtve-lidera-8k-espana/2046389.shtml

 

Galicia finaliza o proceso de liberación do segundo dividendo dixital

01/10/2020 – Galicia rematou hoxe os traballos técnicos para deixar libres as frecuencias incluídas no denominado segundo dividendo dixital, proceso que consiste na reorganización e desprazamento das canles de TDT a novas frecuencias, co obxectivo de deixar libre a banda de 700 MHz, na que se despregarán as futuras redes 5G.

Os centros da rede principal de televisión que se apagaron esta madrugada nas provincias de Ourense e Pontevedra estaban emitindo desde febreiro nas antigas e nas novas frecuencias de modo simultáneo, co que se garantiu o mínimo impacto na poboación. 

Na provincia de Lugo os traballos xa remataron a principios deste ano, concluíndo os labores técnicos na noite do 10 ao 11 de febreiro.

Polo que respecta á Coruña, esta provincia non está afectada polos axustes derivados do segundo dividendo dixital.

A maiores tamén mudou a frecuencia de emisión do múltiple autonómico noutros 216 centros de extensión de cobertura do sinal de televisión de titularidade municipal.

A partir de hoxe, a emisión da programación da TVG será na canle 25 para Ourense e na 37 para Pontevedra. En Lugo emite na canle 31.

Máis información:

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/51875/galicia-culminou-con-exito-esta-mana-proceso-liberacion-segundo-dividendo-dixital

O 30 de setembro de 2020 producirase o cesamento das emisións do sinal de televisión na banda de 700 MHz nas provincias de Ourense e Pontevedra

14/09/2020 - A Secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID), pertencente ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, acaba de propoñer a data 30 de setembro para apagamento das emisións de televisión da banda de 700 MHz nas áreas xeográficas de Ourense e Pontevedra.

Este apagamento é o último paso na liberación do Segundo Dividendo Dixital, proceso que consiste na reorganización e abandono dalgunhas canles nas que se está a emitir a TDT na actualidade para deixar libre a banda de 700 MHz, necesaria para os novos servizos de banda larga (5G).

Durante varios meses, mantivéronse as emisións en “simulcast” (emisións simultáneas na antiga e na nova frecuencia) co obxectivo de facilitar aos usuarios a adaptación das súas instalación para recibir as novas frecuencias planificadas.

O vindeiro día 30 de setembro producirase o cesamento das emisións das canles de televisión nas frecuencias antigas, e emitirase unicamente o sinal polas novas frecuencias.

As novas canles UHF de emisión na provincia de Ourense son as seguintes:

- Canle 25 (MAUT): TVG, TVG2, GHD, G2HD

- Canle 26 (MPE1): Disney Channel, Paramount Channel, Dmax, Gol

Mentres que na provincia de Pontevedra son estas:

- Canle 24 (RGE1): TVE1, TVE1 HD, TVE2, TVE2 HD, Clan, 24H

- Canle 37 (MAUT): TVG, TVG2, GHD, G2HD

Todos estes cambios implican que, no caso de non telo feito, sexa necesario facer unha resintonización de canles nos televisores.

As comunidades de veciños con instalación de antena colectiva afectadas que aínda non fixeran os cambios no seu equipamento deberán poñerse en contacto cun instalador de telecomunicacións rexistrado para efectuala. O custo das devanditas actuacións estará subvencionado. A contía da subvención oscila entre 104,3€ e 677,95€, en función dos cambios precisos para a adaptación. A solicitude de axudas realizarase online ata o 30 de setembro de 2020 trala realización da adaptación das instalacións de recepción do sinal da TDT. Soamente poderán solicitar axudas para as actuacións realizadas por empresas instaladoras rexistradas no Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións do Ministerio de asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Os cidadáns poderán consultar as súas dúbidas na páxina web http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 y 910 889 879.

Aprobada a nova data para a finalización da liberación do Segundo Dividendo Dixital

23/06/2020 – O Consello de Ministros aprobou hoxe a nova data para a finalización do proceso de liberación do Segundo Dividendo Dixital, que será o vindeiro 31 de outubro de 2020.

A liberación do Segundo Dividendo Dixital consiste na reorganización e abandono dalgunhas canles nas que se está a emitir a TDT na actualidade para deixar libre a banda de 700 MHz, necesaria para os novos servizos de banda larga (5G). Este proceso tiña que estar rematado o  30 de xuño de 2020, pero debido a situación de excepcionalidade motivada pola pandemia do COVID-19, o día 30 de marzo de 2020, España comunicou á Unión Europea a necesidade de aprazar a devandita data.

Esta nova data estableceuse tendo en conta a finalización do estado de alarma, o Plan para a Transición cara unha nova normalidade e despois de analizar a situación dos traballos realizados ata agora.

Por outra banda, as emisións en “simulcast” (emisións simultáneas na antiga e na nova frecuencia) manteranse ata o 30 de setembro, co obxectivo de facilitar aos usuarios a adaptación das súas instalación para recibir as novas frecuencias planificadas.

Máis información:

https://www.televisiondigital.gob.es/ayuda-ciudadano/sala-prensa/Documents/TDT/NP_2DD_23-06-2020.pdf

Reanudación das actuacións de cambios de frecuencias necesarias para a liberación do segundo dividendo dixital

27/05/2020 – Trala aprobación do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19, que afectou a todo o territorio nacional, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital considerou preciso suspender as actuacións de cambios directos de canles radioeléctricos que afectaban ao proceso de liberación do segundo Dividendo Dixital, ata que se deran as condicións axeitadas para continuar cas mesmas.

A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas dixitais informou que, considerando que a situación sanitaria evolucionou favorablemente e  as diferentes áreas xeográficas están avanzando no proceso de desescalada, xa é posible avanzar na normalización do proceso de liberación do segundo Dividendo Dixital  e en consecuencia, a partir do 1 de xuño de 2020, nas áreas xeográficas que se atopen polo menos na fase 2 do Plan para a transición cara unha nova normalidade, aprobado polo Acordo de Ministros de data 28 de abril de 2020, poderase continuar coas actuacións de cambios directos de canles radioeléctricos.

Seguindo as indicacións da Secretaría de Estado, a partir do 1 de xuño de 2020, reanúdanse  as actuacións necesarias para a liberación do segundo dividendo dixital na comunidade autónoma galega.

Os profesionais que realicen actuacións no proceso de liberación do segundo Dividendo Dixital deberán adoptar as medidas de prevención e contención precisas para evitar o contaxio e a propagación de COVID-19, tanto de hixiene persoal como de mantemento de distancias mínimas con outras persoas, seguindo en todo caso as instrucións ditadas polas autoridades sanitarias.

Os cidadáns poderán consultar as súas dúbidas na páxina web http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 y 910 889 879.