“Usamos cookies propias e de terceiros para fines estatísticos, análise de uso e medición da nosa páxina web. En ningún caso se utilizarán as cookies para recoller información de carácter persoal.”

Se continúa navegando consideramos que acepta o seu uso

Acepto

Compartir

Posibles interferencias do sinal de telefonía 5G na TDT

01/11/2021 – O pasado mes de outubro, publicouse a resolución para o outorgamento das frecuencias do espectro radioeléctrico, para o despregamento, por parte dos operadores de comunicacións móbiles, de redes e servizos de telefonía móbil con tecnoloxía 5G en España, na banda de 700 MHz. Isto foi posible grazas á liberación durante os anos 2019 e 2020, das canles que estaba a utilizar o servizo de Televisión Dixital Terrestre (TDT) nesta banda. Este proceso rematou o 31 de outubro de 2020.

Durante o verán do 2021, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, xunto cos operadores de telefonía móbil e os fabricantes de equipos, realizaron probas, para comprobar os problemas de compatibilidade entre a tecnoloxía móbil 5G e a TDT, así como as solucións para evitar posibles interferencias na recepción da TDT.

Estas probas piloto deron como resultado que os problemas que o sinal 5G pode causar na recepción da TDT son similares aos que xa se produciron coa emisión de telefonía móbil 4G, iso si, noutra banda de frecuencias, e a principal solución proposta foi a instalación de filtros á saída da antena de recepción, nas vivendas afectadas.

Unha vez adxudicadas as frecuencias liberadas, o Ministerio saca a información pública o  borrador da Orde pola que se establecerán as actuacións que deberán realizar os operadores do 5G, para garantir a cobertura existente da TDT. A solución principal proposta en dito borrador é tamén a instalación de filtros á saída de antena, nas vivendas afectadas.

O prazo para presentar aportacións a este borrador, remata o 22 de novembro de 2021.

Máis información en:

portal.mineco.gob.es

 

Publicación do procedemento e documentación para a solicitude de axudas a comunidades de propietarios polos gastos derivados da liberación do segundo Dividendo Dixital

20/09/2021 – O 18 de setembro de 2021, publicouse no BOE o extracto da resolución, de 13 de setembro, da dirección xeral da entidade pública empresarial Red.es, pola que se convocan subvencións en réxime de concesión directa destinadas a compensar os custes derivados da recepción ou acceso aos servizos de comunicación audiovisual  televisiva nas edificacións afectadas pola liberación da banda de frecuencias 694-790 MHz (Segundo Dividendo Dixital). Esta convocatoria foi publicada na Base de Datos Nacional de Subvencións, código 583399.

Na convocatoria ademais das condicións establecidas no Real Decreto 587/2021 e Real Decreto  392/2019, publícase o procedemento e a documentación precisa para a solicitude das axudas. 

Tal e como se indica, as comunidades de propietarios afectadas poderán solicitar ditas axudas online a través do servizo de Red.es, accesible en https://sede.red.gob.es, desde o día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no BOE,  cumprimentando o formulario electrónico habilitado e aportando a documentación exixible. Na convocatoria lémbrase que, para poder obter a axuda, as actuacións subvencionables deben ter rematado antes do 31 de decembro do 2020 e ter sido realizadas por empresas instaladoras, tipos “A” ou “F”,  rexistradas no Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións do Ministerio de asuntos Económicos e Transformación Dixital. 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de outubro de 2021. 

Os cidadáns poderán consultar as súas dúbidas na páxina web http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 y 910 889 879.

Ampliación do prazo de solicitude de axudas a comunidades de propietarios polos gastos derivados da liberación do segundo Dividendo Dixital

03/09/2021 – O Ministerio de Asuntos económicos e Transformación Dixital publicou no BOE o Real Decreto 587/2021, mediante o que se amplía o prazo de solicitude das axudas para compensar o custes derivados das actuacións precisas nas edificacións afectadas pola liberación do segundo Dividendo Dixital. 

As comunidades de veciños con instalación de antena colectiva afectadas poderán solicitar ditas axudas realizarase online ata o 31 de outubro de 2021. . Mantéñense o resto de condicións  establecidas no Real Decreto 392/2019, do 21 de xuño, no que se  regula a concesión directa destas subvencións e a modificacións realizada motivada polo aprazamento na data de liberación do segundo Dividendo Dixital a causa da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Deste xeito, as actuacións subvencionables deben ter rematado antes do 31 de decembro do 2020. Mantense a contía da subvención, que oscila entre 104,3€ e 677,95€, en función dos cambios precisos para a adaptación. Soamente poderán solicitar axudas para as actuacións realizadas por empresas instaladoras rexistradas no Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións do Ministerio de asuntos Económicos e Transformación Dixital. 

Os cidadáns poderán consultar as súas dúbidas na páxina web http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 y 910 889 879.

Clan SD deixa de emitir na frecuencia do múltiple RGE1

02/03/2021 – A canle infantil de Radiotelevisión Española na súa versión SD, Clan SD, finalizou a súa emisión no múltiple RGE1 o pasado 20 de febreiro. Ata esa data, Clan estaba a emitirse en calidade SD en dúas frecuencias distintas, as correspondentes aos múltiplex RGE1 e RGE2. Na actualidade, a emisión desta canle, tanto con calidade SD coma HD, realízase na súa frecuencia definitiva, a través do  RGE2. Neste sentido, Radiotelevisión Española conta con emisións en HD (tamén en SD) de todas as súas canles.

Segundo o Real Decreto 391/2019, de 21 de xuño, polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre e se regulan determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital, no seu artigo 7, establece a data do 1 de xaneiro de 2023 como límite para que todas as canles, calquera que sexa o seu ámbito de cobertura, evolucionen as súas emisións a alta definición.  

Para ver a televisión en alta definición, o usuario debe contar cun receptor capaz de recibir e reproducir neste formato, para o cal deben contar cun sintonizador HD  (H.264/MPEG-4 AVC). Na actualidade, todos os aparatos receptores de televisión dixital terrestre que se comercialicen en España, deben incorporar o sintonizador para as emisións en alta definición. Os televisores que non dispoñan deste sintonizador, pero dispoñan dunha entrada HDMI, poderán adaptarse mediante un de-codificador externo HD. 

Comezo das emisións dunha canle de TDT en ultra alta definición (4K) na cidade da Coruña

14/01/2021 – Radiotelevisión Española comeza as súas emisións de TDT en 4k na cidade da Coruña. Este novo contido de ultra alta definición emitirase pola canle radioeléctrica 21. Trátase dunha canle en probas na que Televisión Española emite programas de produción propia en ultra alta definición, tales como a serie documental de Cidades Españolas Patrimonio da Humanidade, ademais de outros contidos en 4k. 

Esta emisión realizase coa modulación DVB-T2 (TDT de segunda xeración), polo que é preciso dispoñer na vivenda dun televisor preparado para o DVB-T2 para poder captar este sinal. Na actualidade, todos os televisores de última xeración(4k) dispoñibles no mercado incorporan un descodificador DVB-T2. 

Ademais, cómpre sinalar que no caso de comunidades de veciños con instalación de antena colectiva tamén deberán ter instalado o módulo correspondente á canle 21.

Despois do acendido no ano 2018 da emisión para Santiago de Compostela desta canle, xa son dúas as cidades galegas na que xa está dispoñible a canle TVE 4k.

A resolución e calidade da imaxe en Ultra Alta Definición é superior á alta definición convencional, proporcionando unha maior nitidez na imaxe e unha sensación de maior calidade na percepción do usuario.