“Usamos cookies propias e de terceiros para fines estatísticos, análise de uso e medición da nosa páxina web. En ningún caso se utilizarán as cookies para recoller información de carácter persoal.”

Se continúa navegando consideramos que acepta o seu uso

Acepto

Compartir

RTVE emitirá o mundial de futbol con calidade de Utra Alta Definición (UHD)

17/11/2022: Radiotelevisión Española emitirá o mundial de fútbol de Qatar de xeito gratuíto pola TDT. As emisións realizaranse en UHD-4K con calidade HDR.

Segundo ven de anunciar a corporación, TVE  emitirá preto de 20 partidos, incluídos todos os da selección española coa máxima calidade de imaxe utilizando a retransmisión 4K HDR.

Respecto á emisión da TDT en UHD, esta emisión realizase coa modulación DVB-T2 (TDT de segunda xeración), polo que é preciso dispoñer na vivenda dun televisor preparado para o DVB-T2 para poder captar este sinal. Na actualidade, todos os televisores de última xeración(4k) dispoñibles no mercado incorporan un descodificador DVB-T2.

Ademais é preciso estar dentro da zona de cobertura dalgún dos emisores desde os que TVE realiza emisións con esta tecnoloxía, o que se corresponde con aproximadamente o 60% da poboación española, segundo os datos de RTVE.

Cómpre sinalar que no caso de comunidades de veciños con instalación de antena colectiva tamén deberán ter instalado o módulo correspondente á canle de emisión.

No seguinte enlace pódense atopar as canles segundo a comunidade autónoma e a cidade na que se está a emitir. https://www.uhdspain.com/web/wp-content/uploads/2021/06/LISTADO-CANALES-TDT-UHD-SPAIN.pdf , que no caso de Galicia son as seguintes:

CIDADE

CANLE

A Coruña

21

Santiago de Compostela

33

Lugo

37

Ourense

33

Pontevedra

26

 

Fonte: www.rtve.es

RTVE únese á segunda “chamada a Europa” para defender o mantemento das frecuencias de emisión do servizo de televisión dixital terrestre.

10/11/2022: Radiotelevisión Española xunto con asociacións e empresas europeas da industria da radiodifusión e da cultura, unen forzas de novo baixo o lema “Chamada a Europa” , para defender a presenza da TDT no espectro radioeléctrico.  

Na actualidade a TDT utiliza a banda de frecuencias do espectro radioeléctrico que vai de  470 a 694 MHZ, espectro inferior da banda UHF,  e o uso desta banda está blindada para o servizo de televisión terrestre ata o 2030. Así, durante os próximos 8 anos, a actual TDT ten garantida a súa emisión.

Non obstante, no 2023 producirase a seguinte Conferencia Mundial de Radiocomunicacións (CMR-23), na que está previsto que se debata a liberación de mais frecuencias da banda que está a utilizar a TDT para outros usos, ou mesmo a súa desaparición  total.

O manifesto, presentado simultaneamente por todos os participantes europeos, incide no acceso masivo e asequible, no baixo consumo e na robustez da radiodifusión terrestre a través do espectro radioeléctrico, en caso de catástrofes naturais ou provocadas. Por outra banda, lembra que cada ano se emiten a través do espectro inferior UHF (470 – 694 MHz)  millóns de eventos culturais que chegan a 80 millóns de fogares de toda Europa.

Polo que, os organismos de radiodifusión e a industria creativa fan unha chamada aos responsables da toma de decisións para que protexan a actual asignación do espectro UHF para a difusión da televisión e así que a cultura, a información, o entretemento e a educación poida seguir estando dispoñible de xeito libre e gratuíto para todos os europeos.

 

Fonte: www.rtve.es/rtve

A CNMC informa sobre o proxecto de Real Decreto que modificará a data de cese das emisións de televisión dixital terrestre en definición estandar.

24/10/2022 – A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC ) ven de aprobar o seu informe sobre o Proxecto de Real Decreto polo que se modifica o Real Decreto 391/2019, polo que se aproba o Plan técnico nacional da Televisión Dixital Terrestre e se regulan determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital.

En dito informe a CNMC aproba a modificación da data de cese das emisións da televisión dixital terrestre en definición estándar, fixada inicialmente para o 1 de xaneiro de 2023, e valora positivamente que se fomente a evolución cara as emisións en alta definición.

Porén, a CNMC cuestiona que se estableza unha data fixa para dito cese, e recomenda que se valore, xunto cos radiodifusores do sinal de televisión, cal sería o escenario adecuado; fixar unha data concreta ou permitir que cada radiodifusor determine libremente a data na que realizaría o cambio das súas  emisións á alta definición.

Para mais información:

https://www.cnmc.es/sites/default/files/4363153.pdf

Proposta de ampliación do prazo para a finalización das emisións de TDT con calidade SD.

26/07/2022 – O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, ven de iniciar a tramitación da modificación do Real Decreto 391/2019, de 21 de xuño, polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre e se regulan determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital,  mediante a publicación para audiencia e información pública do proxecto de Orde para realizar dita modificación.

O Real Decreto 391/2019, dispuxo unha limitación temporal á emisión das canles de televisión en definición estandar. Segundo este, a data límite para a emisión con esta resolución é o 1 de xaneiro de 2023. A partir desa data, a emisión do sinal da TDT debería ser en alta definición (HD).

O obxectivo da Orde para a modificación deste Real Decreto é pospoñer a data de fin do cese obrigatorio para as emisión da televisión dixital terrestre en definición estandar ata o 14 de febreiro de 2024.

O Ministerio pon a disposición un espazo para a participación pública a través do cal se poderán  presentar aportacións, no marco deste trámite,  ata o 4 de agosto de 2022.

Para mais información pode consultar o seguinte enlace:

portal.mineco.gob.es

RTVE lanza un comunicado no que se posiciona sobre a continuidade da televisión gratuíta e de libre acceso.

16/06/2022: Radiotelevisión Española é membro do grupo “Television abierta”,  conformado polos principais axentes da Televisión Dixital Terrestre (TDT) en España, cuxa principal motivación é contribuír ao impulso da televisión de acceso universal, libre e gratuíto. Neste sentido, RTVE publicou un comunicado na súa páxina web a través do que se une á petición do grupo pola continuidade do acceso libre e gratuíto da TDT.

Na actualidade a TDT utiliza a banda de frecuencias que vai de  470 a 694 MHZ, sub700MHz, e o uso desta banda está blindada para o servizo de televisión terrestre ata o 2030. Así, durante os próximos 8 anos, a actual TDT ten garantida a súa emisión.

Non obstante, no 2023 producirase a seguinte Conferencia Mundial de Radiocomunicacións (CMR-23). Nestas conferencias, reúnense os gobernos, os organismos reguladores e a industria para actualizar o regulamento de Radiocomunicacións da Unión Internacional de Telecomunicacións. Na CMR-23 está previsto que se traten temas que poden afectar directamente á TDT, como a liberación de mais frecuencias da banda que está a utilizar para outros usos, ou mesmo a desaparición  total da TDT, co que, tal e como defende RTVE, débese preservar dita banda para que  a TDT garanta un acceso universal, libre e gratuíto dos cidadáns españois á televisión, sen alterar a competencia existente no sector audiovisual  e a propia produción española de contidos.

Fonte: www.rtve.es/rtve