O Goberno publica o Plan de Actuacións para a liberación do segundo Dividendo Dixital
23/07/2019 - Despois da publicación o pasado mes de xuño do Real Decreto polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da TDT e se regulan determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital, o goberno ven de publicar o Plan de Actuacións para a liberación do segundo dividendo dixital.
O plan recolle as accións necesarias para executar dun xeito coordinado e organizado as actuacións previstas no dito Real Decreto, e cumprir as previsións para finalizar o proceso de reorganización de frecuencias a mais tardar o 30 de xuño de 2020. Neste plan divídense as actuacións en catro ámbitos: frecuencias, técnico, seguimento e control e comunicación, e establécense as accións a levar a cabo en cada un deles.
A Secretaría de Estado para o Avance Dixital facilitará a través da páxina web www.televisiondigital.es así como a través do Plan de comunicación contemplado no Plan de Actuacións, a información sobre o despregamento, cese de emisións e reordenación de contidos, que sexa de interese para os cidadáns.
No seguinte enlace pode verse dito documento:
https://www.televisiondigital.gob.es/2DD-5G/Documents/plan-actuaciones-2DD5G.pdf
Apróbase o Plan Técnico Nacional da TDT
25/06/2019 – Hoxe publícase no Boletín Oficial do Estado dous reais decretos clave no proceso de liberación do segundo dividendo dixital:
- O Real Decreto 391/2019 de 21 de xuño aproba o Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre e regula determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital.
- O Real Decreto 392/2019 de 21 de xuño regula a concesión directa de subvencións para compensar os custos derivados da recepción ou acceso aos servizos de comunicación audiovisual televisiva nas edificacións afectadas pola liberación da banda de frecuencias 694-790 MHz (segundo dividendo dixital).
Co segundo dividendo dixital liberarase a banda de 700MHz (actualmente ocupada por canles radioeléctricos de televisión), e ten como obxectivo garantir a prestacións de servizos con tecnoloxía 5G e a extensión da súa cobertura, en particular, nas zonas rurais. Este proceso terá que finalizar o 30 de xuño de 2020 segundo o calendario establecido pola normativa europea.
Este Plan Técnico mantén a actual oferta de canles de televisión dixital terrestre, identificando as canles radioeléctricas utilizadas actualmente pola televisión e substituíndoas por novas canles radioeléctricas nunha banda inferior (470-694 MHz).
Este cambio de frecuencias da TDT implicará nos vindeiros meses a adaptación das instalacións de recepción colectivas. O Real Decreto 392/2019 regula a concesión directa de subvencións por valor de 150 millóns de euros para as comunidades de propietarios poidan adaptar as instalacións de recepción de televisión. As contías da subvención oscilan entre 104,3 € e 677,95 €, en función da infraestrutura previamente instalada.
Máis información:
Inicio das emisións en HD das dúas canles da TVG.
26/03/2019 – A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) anuncia na súa páxina web, o comezo das emisións en alta definición das súas dúas canles -G e G2-.
Segundo indican, durante os últimos meses traballouse para conseguir emitir en HD polas dúas canles, non só unha como estaba inicialmente previsto. Así mesmo continuarán as actuais emisións en SD destas canles.
A CRTVG informa á audiencia a través dos seus programas, das redes e da súa páxina web http://hd.crtvg.es/, sobre cómo sintonizar nos televisores estas canles HD.
Acceder á nota de prensa:
http://www.crtvg.es/crtvg/noticias-corporativas/a-tvg-emitira-en-alta-definicion-polas-duas-canles-desde-o-vindeiro-martes-26-de-marzo
Fonte:
Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG)
A TVG comezará a emitir as súas dúas canles en HD en no mes de marzo de 2019
01/03/2019 – A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) asegura nun comunicado publicado na súa páxina web, que no mes de marzo de 2019 a TVG comezará a emisión en alta definición (HD) das súas dúas canles -G e G2-, non só unha, como anunciara en setembro de 2018, que se simultanearán coas actuais emisións en SD.
Durante as primeiras semanas do mes de marzo, a CRTVG informará á audiencia a través da TVG, a Radio Galega e as redes, sobre os pasos para sintonizar nos televisores estas canles HD.
Acceder á nota de prensa:
http://www.crtvg.es/crtvg/noticias-corporativas/a-tvg-emitira-en-alta-definicion-polas-duas-canles-no-mes-de-marzo
Fonte:
Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG)
A plataforma de contidos de televisión LOVEStv inicia oficialmente as súas emisións.
03/12/18 – O pasado 28 de novembro a plataforma de contidos con tecnoloxía HbbTV impulsada por RTVE, Atresmedia e Mediaset iniciou de forma oficial as súas emisións.
Esta plataforma, que agrupa os contidos audiovisuais dos tres grupos de comunicación, estará dispoñible nos televisores que conten con tecnoloxía HbbTV 1.5 ou superior, polo que ten prevista unha implantación ao peche do ano de mais de dous millóns de televisores.
LOVEStv poderá utilizarse de xeito gratuíto e sen descargas, facilitando o acceso á plataforma simplemente premendo o botón azul nos televisores que dispoñan da tecnoloxía HbbTV adecuada. Actualmente permite aos usuarios a visualización de contidos da última semana e a posibilidade de visualizar un programa desde o seu inicio aínda que a súa emisión xa comezara, entre outras funcionalidades que se verán incrementadas en desenvolvementos posteriores.
Fonte:
http://www.rtve.es/rtve/20181128/lovestv-inicia-oficialmente-emisiones/1845200.shtml
https://www.mediaset.es/telemania/empresas/empresas-nacionales/LOVEStv-comienza-emision-TDT-mediaset-espana-atresmedia-rtve_0_2666475099.html
https://www.elperiodico.com/es/yotele/20181128/atresmedia-rtve-mediaset-unen-presentar-lovestv-plataforma-conjunta-contenidos-7173343