“Usamos cookies propias e de terceiros para fines estatísticos, análise de uso e medición da nosa páxina web. En ningún caso se utilizarán as cookies para recoller información de carácter persoal.”

Se continúa navegando consideramos que acepta o seu uso

Acepto

Compartir

O 30 de setembro de 2020 producirase o cesamento das emisións do sinal de televisión na banda de 700 MHz nas provincias de Ourense e Pontevedra

14/09/2020 - A Secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID), pertencente ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, acaba de propoñer a data 30 de setembro para apagamento das emisións de televisión da banda de 700 MHz nas áreas xeográficas de Ourense e Pontevedra.

Este apagamento é o último paso na liberación do Segundo Dividendo Dixital, proceso que consiste na reorganización e abandono dalgunhas canles nas que se está a emitir a TDT na actualidade para deixar libre a banda de 700 MHz, necesaria para os novos servizos de banda larga (5G).

Durante varios meses, mantivéronse as emisións en “simulcast” (emisións simultáneas na antiga e na nova frecuencia) co obxectivo de facilitar aos usuarios a adaptación das súas instalación para recibir as novas frecuencias planificadas.

O vindeiro día 30 de setembro producirase o cesamento das emisións das canles de televisión nas frecuencias antigas, e emitirase unicamente o sinal polas novas frecuencias.

As novas canles UHF de emisión na provincia de Ourense son as seguintes:

- Canle 25 (MAUT): TVG, TVG2, GHD, G2HD

- Canle 26 (MPE1): Disney Channel, Paramount Channel, Dmax, Gol

Mentres que na provincia de Pontevedra son estas:

- Canle 24 (RGE1): TVE1, TVE1 HD, TVE2, TVE2 HD, Clan, 24H

- Canle 37 (MAUT): TVG, TVG2, GHD, G2HD

Todos estes cambios implican que, no caso de non telo feito, sexa necesario facer unha resintonización de canles nos televisores.

As comunidades de veciños con instalación de antena colectiva afectadas que aínda non fixeran os cambios no seu equipamento deberán poñerse en contacto cun instalador de telecomunicacións rexistrado para efectuala. O custo das devanditas actuacións estará subvencionado. A contía da subvención oscila entre 104,3€ e 677,95€, en función dos cambios precisos para a adaptación. A solicitude de axudas realizarase online ata o 30 de setembro de 2020 trala realización da adaptación das instalacións de recepción do sinal da TDT. Soamente poderán solicitar axudas para as actuacións realizadas por empresas instaladoras rexistradas no Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións do Ministerio de asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Os cidadáns poderán consultar as súas dúbidas na páxina web http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 y 910 889 879.

Aprobada a nova data para a finalización da liberación do Segundo Dividendo Dixital

23/06/2020 – O Consello de Ministros aprobou hoxe a nova data para a finalización do proceso de liberación do Segundo Dividendo Dixital, que será o vindeiro 31 de outubro de 2020.

A liberación do Segundo Dividendo Dixital consiste na reorganización e abandono dalgunhas canles nas que se está a emitir a TDT na actualidade para deixar libre a banda de 700 MHz, necesaria para os novos servizos de banda larga (5G). Este proceso tiña que estar rematado o  30 de xuño de 2020, pero debido a situación de excepcionalidade motivada pola pandemia do COVID-19, o día 30 de marzo de 2020, España comunicou á Unión Europea a necesidade de aprazar a devandita data.

Esta nova data estableceuse tendo en conta a finalización do estado de alarma, o Plan para a Transición cara unha nova normalidade e despois de analizar a situación dos traballos realizados ata agora.

Por outra banda, as emisións en “simulcast” (emisións simultáneas na antiga e na nova frecuencia) manteranse ata o 30 de setembro, co obxectivo de facilitar aos usuarios a adaptación das súas instalación para recibir as novas frecuencias planificadas.

Máis información:

https://www.televisiondigital.gob.es/ayuda-ciudadano/sala-prensa/Documents/TDT/NP_2DD_23-06-2020.pdf

Reanudación das actuacións de cambios de frecuencias necesarias para a liberación do segundo dividendo dixital

27/05/2020 – Trala aprobación do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19, que afectou a todo o territorio nacional, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital considerou preciso suspender as actuacións de cambios directos de canles radioeléctricos que afectaban ao proceso de liberación do segundo Dividendo Dixital, ata que se deran as condicións axeitadas para continuar cas mesmas.

A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas dixitais informou que, considerando que a situación sanitaria evolucionou favorablemente e  as diferentes áreas xeográficas están avanzando no proceso de desescalada, xa é posible avanzar na normalización do proceso de liberación do segundo Dividendo Dixital  e en consecuencia, a partir do 1 de xuño de 2020, nas áreas xeográficas que se atopen polo menos na fase 2 do Plan para a transición cara unha nova normalidade, aprobado polo Acordo de Ministros de data 28 de abril de 2020, poderase continuar coas actuacións de cambios directos de canles radioeléctricos.

Seguindo as indicacións da Secretaría de Estado, a partir do 1 de xuño de 2020, reanúdanse  as actuacións necesarias para a liberación do segundo dividendo dixital na comunidade autónoma galega.

Os profesionais que realicen actuacións no proceso de liberación do segundo Dividendo Dixital deberán adoptar as medidas de prevención e contención precisas para evitar o contaxio e a propagación de COVID-19, tanto de hixiene persoal como de mantemento de distancias mínimas con outras persoas, seguindo en todo caso as instrucións ditadas polas autoridades sanitarias.

Os cidadáns poderán consultar as súas dúbidas na páxina web http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 y 910 889 879.

Suspensión das actuacións de cambios de frecuencias necesarias para a liberación do segundo dividendo, ata a finalización do estado de alarma

18/03/2020 – Trala aprobación do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19, que afecta a todo o territorio nacional. o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital informou de que, considerando a importancia de garantir que a recepción dun servizo tan importante como a televisión dixital terrestre non pode verse afectado nestes intres, decidiuse suspender as actuacións de cambios directos de canles radioeléctricos que se veñen realizando desde fai varios meses, ata que se avalíe que se dan as condicións axeitadas para continuar cas mesmas.

Seguindo as indicacións do Ministerio, suspendéronse todas as actuacións necesarias para a liberación do segundo dividendo dixital na comunidade autónoma galega, agás nos centros nos que se realice simulcast, e dicir , nos que se emita simultaneamente na antiga e na nova frecuencia.

Os cidadáns poderán consultar as súas dúbidas na páxina web http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 y 910 889 879.

Comeza o cambio de frecuencias para a liberación do segundo Dividendo Dixital na área xeográfica de Ourense

20/02/2020 - O 17 de febreiro comezou a liberación do segundo dividendo dixital nos concellos da área xeográfica de Ourense que comprende os 92 concellos da provincia de Ourense e 7 da provincia de Lugo: Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao e Sober, ademais do concello de Dozón na provincia de Pontevedra.

Ata que finalice o proceso de liberación a finais de xuño de 2020, momento no que quedará libre a banda de 700 MHz (frecuencias entre 694 Mhz e 790 MHz), necesaria para os novos servizos de banda larga (5G), as cadeas de televisión emitirán simultaneamente (simulcast) a través das novas e das antigas frecuencias na maioría dos centros da rede principal de difusión. Producirase a migración de dúas das frecuencias actuais a outras por debaixo dos 700MHz.

Estes cambios implicarán que sexa necesario facer unha resintonización de canles nos televisores.

Os edificios que conten con instalación de antena colectiva con sistemas monocanle ou centraliñas programables, deberán realizar adaptacións nos seus equipamentos. Para levar a cabo esta adaptación, as comunidades de propietarios deberán poñerse en contacto cun instalador de telecomunicacións rexistrado para efectuala. O custo das devanditas actuacións estará subvencionado: o día 21 de xuño de 2019 aprobouse o Real Decreto polo que se conceden subvencións para das actuacións nos sistemas de recepción do sinal de TDT nas edificacións afectadas polo segundo Dividendo Dixital. A contía da subvención oscila entre 104,3€ e 677,95€, en función dos cambios precisos para a adaptación. A solicitude de axudas realizarase online ata o 30 de setembro de 2020 trala realización da adaptación das instalacións de recepción do sinal da TDT. Soamente poderán solicitar axudas para as actuacións realizadas por empresas instaladoras rexistradas no Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións do Ministerio de asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Por outra banda, as vivendas unifamiliares ou individuais non necesitan realizar está adaptación, sendo suficiente a resintonización das canles.

Os cidadáns poderán consultar as súas dúbidas na páxina web http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 y 910 889 879.