“Usamos cookies propias e de terceiros para fines estatísticos, análise de uso e medición da nosa páxina web. En ningún caso se utilizarán as cookies para recoller información de carácter persoal.”

Se continúa navegando consideramos que acepta o seu uso

Acepto

Compartir

Acendidos da rede de telefonía móbil con tecnoloxía 5G na semana do 16 - 22 de xaneiro

16/01/2023: Entre os días 16 e 22 de xaneiro, os operadores de telefonía móbil teñen previsto  o acendido de diversas estacións para a emisión do sinal de telefonía móbil con tecnoloxía 5G, na banda de frecuencia de 700 MHz, que permitirá aos usuarios mellorar, entre outras,  a velocidade das conexións o consumo dos dispositivos e a cobertura móbil no interior das vivendas.

Segundo a información trasladada, o concello no que se producirá un novo acendido é o de Carral.

Os operadores de telefonía móbil, tamén acenderán nestes días novas estacións 5G en concellos que xa dispoñían destes servizos, en concreto, A Coruña, Pontedeume, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Moaña, Poio, Pontevedra, Tomiño e Vigo.

Compre sinalar que estes acendidos poden causar, en determinados casos, interferencias na recepción do sinal de televisión. Os cidadáns que estean neste caso, precisan instalar un filtro 5G que anule o sinal de telefonía que están a captar as antenas de televisión, para o que deberán poñerse en contacto coa entidade xestora llega700, creada polos operadores de telefonía móbil, para que lles informe ao respecto.

Esta entidade leva a tramitación das interferencias  5G no sinal de televisión, a través do teléfono 900 833 999 ou da súa páxina web www.llega700.es, e deberá:

  • Analizar e, no seu caso, resolver as afectacións á recepción do sinal de Televisión Dixital Terrestre debidas ao acendido dunha estación base,  comunicadas polos cidadáns nun prazo de seis meses desde dito acendido.
  • Resolver as afectacións comunicadas nun un prazo máximo de 5 días hábiles, a contar desde a comunicación da afectación.

Ademais, o custe de todas as actuacións necesarias para resolver as afectacións será gratuíto para os cidadáns.

Mapa 5G Galicia
(Ver mapa despregamento 5G en Galicia)

 

O servizo do Teletexto a través da Televisión Dixital Terrestre na era da internet.

10/01/2023: O Teletexto é un servizo de información en forma de texto emitido xunto co sinal de televisión. Este servizo foi desenvolvido no Reino Unido no século pasado, no ano 1972, para o seu uso pola televisión pública británica, onde permaneceu activo ata o 2012. Despois, moitos países europeos foron adoptándoo, incluído España, a finais da década dos 80. Cando a internet apenas comezaba a funcionar, o Teletexto convertía ao televisor nunha especie de ordenador para consulta dalgo similar a un periódico electrónico primitivo, dun xeito áxil e de fácil acceso, a través dos botóns do mando a distancia do televisor, e cunha ampla variedade temática de contidos: noticias de actualidade, deportes, información de servizo, e tamén publicidade.

Na actualidade, este servizo gratuíto a través do sinal de TDT, segue en uso en Alemaña e España. Aínda que coa chegada das tarifas planas de internet e das televisións e dispositivos móbiles “intelixentes”, os seu uso foi diminuíndo, en España, segundo datos do ano 2021, aínda o usan diariamente 2 millóns de persoas. Estas cifras poden ser o motivo polo que as televisións non teñan intención de cancelar este servizo a curto prazo, ademais de que o seu mantemento  non lles supón un custe elevado.  Pero, con cada vez mais xente con acceso a internet e coa aparición de aplicacións móbiles e páxinas web que permiten consultar o teletexto de calquera canal do mundo que o emita, este servizo parece abocado a desaparecer.  

Fonte:

www.elmundo.es

A British Broadcasting Corporation (BBC) formula o fin das súas emisións en TDT no 2030.

12/12/2022: A British Broadcasting Corporation (BBC), a mais veterana das televisións públicas en Europa, ven de lanzar un extenso comunicado, a través do seu  director xeral, no cal indica que, de cara ao 2030, estase a preparar ante un posible apagado das  súas retransmisión a través da TDT.

A BBC formula un futuro no que a entrega e consumo de contidos audiovisuais realizarase en liña. Lonxe de rexeitar esta posibilidade, a BBC pretende explorar as posibilidades que este novo panorama ofrece para aumentar o seu valor  e estimular o mercado dos medios audiovisuais, polo que está a traballar na súa transformación ante esta nova perspectiva.

Por outra banda, para poder acadar o seu obxectivo de servizo público a través da internet, insta aos poderes públicos a axilizar a lexislación que recoñeza este cambio no sector e a garantir o acceso a redes de banda larga para todos os cidadáns, para que estes poidan seguir accedendo a todos os contidos de radio e televisión a través da internet, de xeito gratuíto e universal, tal e como se poden obter na actualidade, mediante a recepción do sinal de TDT.   

Fonte: BBC

RTVE emitirá o mundial de futbol con calidade de Utra Alta Definición (UHD)

17/11/2022: Radiotelevisión Española emitirá o mundial de fútbol de Qatar de xeito gratuíto pola TDT. As emisións realizaranse en UHD-4K con calidade HDR.

Segundo ven de anunciar a corporación, TVE  emitirá preto de 20 partidos, incluídos todos os da selección española coa máxima calidade de imaxe utilizando a retransmisión 4K HDR.

Respecto á emisión da TDT en UHD, esta emisión realizase coa modulación DVB-T2 (TDT de segunda xeración), polo que é preciso dispoñer na vivenda dun televisor preparado para o DVB-T2 para poder captar este sinal. Na actualidade, todos os televisores de última xeración(4k) dispoñibles no mercado incorporan un descodificador DVB-T2.

Ademais é preciso estar dentro da zona de cobertura dalgún dos emisores desde os que TVE realiza emisións con esta tecnoloxía, o que se corresponde con aproximadamente o 60% da poboación española, segundo os datos de RTVE.

Cómpre sinalar que no caso de comunidades de veciños con instalación de antena colectiva tamén deberán ter instalado o módulo correspondente á canle de emisión.

No seguinte enlace pódense atopar as canles segundo a comunidade autónoma e a cidade na que se está a emitir. https://www.uhdspain.com/web/wp-content/uploads/2021/06/LISTADO-CANALES-TDT-UHD-SPAIN.pdf , que no caso de Galicia son as seguintes:

CIDADE

CANLE

A Coruña

21

Santiago de Compostela

33

Lugo

37

Ourense

33

Pontevedra

26

 

Fonte: www.rtve.es

RTVE únese á segunda “chamada a Europa” para defender o mantemento das frecuencias de emisión do servizo de televisión dixital terrestre.

10/11/2022: Radiotelevisión Española xunto con asociacións e empresas europeas da industria da radiodifusión e da cultura, unen forzas de novo baixo o lema “Chamada a Europa” , para defender a presenza da TDT no espectro radioeléctrico.  

Na actualidade a TDT utiliza a banda de frecuencias do espectro radioeléctrico que vai de  470 a 694 MHZ, espectro inferior da banda UHF,  e o uso desta banda está blindada para o servizo de televisión terrestre ata o 2030. Así, durante os próximos 8 anos, a actual TDT ten garantida a súa emisión.

Non obstante, no 2023 producirase a seguinte Conferencia Mundial de Radiocomunicacións (CMR-23), na que está previsto que se debata a liberación de mais frecuencias da banda que está a utilizar a TDT para outros usos, ou mesmo a súa desaparición  total.

O manifesto, presentado simultaneamente por todos os participantes europeos, incide no acceso masivo e asequible, no baixo consumo e na robustez da radiodifusión terrestre a través do espectro radioeléctrico, en caso de catástrofes naturais ou provocadas. Por outra banda, lembra que cada ano se emiten a través do espectro inferior UHF (470 – 694 MHz)  millóns de eventos culturais que chegan a 80 millóns de fogares de toda Europa.

Polo que, os organismos de radiodifusión e a industria creativa fan unha chamada aos responsables da toma de decisións para que protexan a actual asignación do espectro UHF para a difusión da televisión e así que a cultura, a información, o entretemento e a educación poida seguir estando dispoñible de xeito libre e gratuíto para todos os europeos.

 

Fonte: www.rtve.es/rtve