Que tecnoloxías existen para a difusión da televisión dixital?
O acceso á televisión dixital no fogar pode realizarse a través de diferentes tecnoloxías: mediante ondas terrestres, satélite, cable ou protocolos de internet (IP). En Europa, estas tecnoloxías están baseadas nas especificacións DVB (Digital Video Broadcasting).
A televisión dixital terrestre consiste na transmisión do sinal dixital de televisión a través da atmosfera mediante ondas radioeléctricas terrestres que se reciben nas vivendas por medio de antenas UHF. Para a visualizacións das canles de televisión é preciso contar cun decodificador do sinal de TDT. Na actualidade todos os televisores véndense cun receptor TDT incorporado. O estándar para a transmisión da Televisión Dixital Terrestre é o DVB-T. A súa evolución é o DVB-T2.
A televisión dixital satelital consiste na retransmisión do sinal de televisión dixital emitido desde algún punto da Terra cara amplas zonas xeográficas, a través de satélites de comunicacións. A captación do sinal realízase a través de antenas parabólicas instaladas nas vivendas e orientadas cara o satélite. Para a visualización das canles de televisión é preciso dispoñer dun receptor satelital. O estándar utilizado en España para a transmisión da Televisión Dixital vía satélite é o DVB-S e o DVB-S2.
A televisión dixital por cable consiste na distribución do sinal de televisión dixital a través de redes híbridas de fibra óptica e cable coaxial. Os operadores de televisión por cable aproveitan ditas redes para proporcionar a maiores servizos de pago por visión (Pay per view), telefonía e acceso a Internet. Para a visualización das canles de televisión é preciso contratar o servizo a través dun operador de cable que ofreza cobertura na ubicación da vivenda, que proporcionará ao usuario un equipo sintonizador externo que haberá que conectar ao televisor. O estándar utilizado en Europa é o DVB-C.
A televisión dixital sobre o protocolo de Internet (IPTV) consiste na transmisión do sinal de televisión dixital a través dunha rede de banda ancha por medio de protocolos asimétricos (xDSL) ata chegar á vivenda por medio da liña IP ou ADSL telefónica. Pola mesma liña ofrécense os servizos de voz, acceso a internet e televisión. Ao igual que na televisión por cable, é preciso contratar o servizo a través dun operador de rede, que proporcionará ao usuario un módem e un equipo sintonizador externo que haberá que conectar ao televisor.