“Usamos cookies propias e de terceiros para fines estatísticos, análise de uso e medición da nosa páxina web. En ningún caso se utilizarán as cookies para recoller información de carácter persoal.”

Se continúa navegando consideramos que acepta o seu uso

Acepto

Compartir

Novos Avances

Liberación do Dividendo Dixital

A liberación do Dividendo Dixital é o proceso que consiste na reordenación dalgunhas canles de TDT para cumprir cos mandatos da Unión Europea de liberar determinadas bandas de frecuencias radioeléctricas, co fin de que poidan ser utilizadas por tecnoloxías móbiles como LTE/4G ou 5G. A liberación é un proceso de ámbito europeo, obrigatorio para todos os Estados Membros. As canles afectadas reordénanse a frecuencias por debaixo da banda a liberar. Algúns cidadáns terán que actuar sobre as instalacións de recepción de televisión nos seus fogares e haberá que resintonizar as canles afectadas nas novas frecuencias asignadas, para continuar recibindo a programación. 

En Maio de 2014 comezou en España a liberación do primeiro Dividendo Dixital, para cumprir co mandato de facer dispoñible a banda de 800MHz antes do 1 de xaneiro de 2015. Durante o proceso e para asegurar o seu éxito, as canles de televisión emitíronse simultaneamente nas frecuencias a liberar e nas novas frecuencias asignadas para que os cidadáns tiveran tempo de adaptarse e puideran gozar da TDT en todo momento, sen interrupcións.

Durante os anos 2019 e 2020 levouse a cabo o proceso de liberación do segundo Dividendo Dixital. Desta vez, a banda liberada foi a de 700MHz (banda de frecuencias 694-790MHz). Este proceso rematou o día 31 de outubro de 2020.

A configuración de canles que se están a emitir na actualidade é a seguinte: 

20211013 Canles

Canles TDT (outubro 2021)

 

Emisións en alta definición (HD)

High Definition Television (Televisión de alta definición), ou HDTV é un formato de televisión dixital que emite os sinais de televisión cunha calidade superior aos sistemas existentes (PAL, NTSC e SECAM).

 

As emisións de televisión digital terrestre en alta definición deben cumprir que a súa resolución vertical sexa igual ou superior a 720 liñas activas cunha relación de aspecto d 16:9 e o sistema de codificación de video H.264/MPEG-4 AVC (segundo Real Decreto 691/2010).

 

A considerable mellora da resolución e o formato panorámico consigue unha visualización de programas máis realista e impactante.

Logos HD

Existen no mercado diferentes logos para as televisións que definen a súas características en relación á recepción do sinal de televisión de Alta Definición (máis información en DigitalEurope)

 

hdreadypeq

 

HD Ready. Aparece nos dispositivos (TV integradas, monitores e proxectores) que poden aceptar, procesar e visualizar sinais en alta definición de 720p e 1080i. Para desfrutar de emisións de TV en Alta Definición, estes dispositivos precisan doutro, marcado con “HD TV”, que reciba e decodifique o sinal.

 

hd_tv

 

HD TV. Aparece nos receptores de televisión (incluindo Set-top boxes e televisión dixitais integradas) que poden recibir e decodificar as transmisións de alta definición (720p, 1080i).

 

hd_ready_1080p

 

HD ready 1080p. Marcan aqueles dispositivos (televisións dixitais integradas, monitores e proxectores) que poden aceptar, procesar e visualizar sinais 1080p (ademais de sinais 720p e 1080i). Para desfrutar de emisións de TV en Alta Definición, estes dispositivos precisan doutro, marcado con “HD TV”, que reciba e decodifique o sinal.

 

hd_tv_1080p

 

HD TV 1080p. Aparece nos dispositivos “HD ready 1080p” que poden recibir e decodificar as transmisións de alta definición (720p, 1080i).

 

fullhd

 

Adicionalmente, é habitual atopar outro logotipo de carácter propietario, Full HD, que, en principio, identifica aqueles dispositivos que poden visualizar imaxes de alta definición 1080p (equiparable neste sentido ao HD ready 1080p).

 

 

 

Emisións en Ultra Alta Definición

Ultra High Definition Television (Televisión de Ultra Alta Definición) ou UHDTV é un formato de vídeo que permite acadar niveis de calidade das imaxes mais preto da imaxe real. A resolución e calidade da imaxe UHD é, como mínimo, catro veces superior á alta definición convencional: 

• 4K fai referencia a unha resolución de pantalla de 4000 pixeles. En televisión dixital utilízase unha resolución de 3480x2160 (2160p)

• 8K fai referencia a unha resolución de pantalla de 8000 pixeles. En televisión dixital utilízase unha resolución de 7680x4320 (4320p)

As emisión de televisión dixital terrestre en ultra alta definición en España deberán cumprir que a súa resolución vertical sexa igual ou superior a 2160 liñas activas cunha relación de aspecto 16:9, e utilizar un sistema de codificación de vídeo conforme á norma H.265/HEVC.

Para conseguir visualizar estas emisións debese dispor dun televisor compatible 4K/UHD ( que soporte a norma H.265). A maioría dos televisores de alta gama que se venden na actualidade son compatibles e, ademais segundo o proxecto de Real Decreto polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da TDT,  publicado en xaneiro de 2019, todos os televisores de mais de 24 polgadas deben poder sintonizar as emisións de televisión dixital terrestre en UHD. 

En España ningunha canle de televisión emite en TDT con ultra alta definición, so TVE está a facer probas puntuais con esta resolución, aínda que utilizando a tecnoloxía DVB-T2 e utilizando frecuencias que obrigan a que na maioría dos edificios sexa necesario adaptar as antenas colectivas para poder recibir esa emisión, non así nas vivendas individuais. Porén, algunhas plataformas de televisión por internet fan emisións en “streaming” de contido en UltraHD, aínda que é preciso contar cunha conexión a internet de polo menos 30MBps para poder visualizalas.

 

Logo-UHD

 

 

Emisións en 3D

A Televisión Dixital permitirá, no futuro, disfrutar de imaxes 3D nos televisores que poidamos ter na nosa casa. Actualmente en España estanse a realizar transmisións experimentais.

O consorcio DVB (Digital Video Broadcasting Project) aprobou o 15 de xullo de 2010 as especificacións definitivas das transmisións en tres dimensións para televisión dixital. Optouse por adoptar o estándar de emisión “syde-by-side”, denominado pola DVB “Frame Compatible”.
Grazas a este sistema comprímense as imaxes dereita e esquerda no mesmo fotograma. Un dispositivo especial, xunto a unhas gafas especiais sincronizadas co televisor, volve separar as imaxes, que poden así ser enviadas de forma alternativa e secuencial a cada ollo correspondente. Este sistema permite reducir a cantidade de ancho de banda necesario para as emisións en 3D.

3d

Servizos  interactivos

A Televisión Dixital Terrestre permite acceder a unha gama de servizos interactivos aos que actualmente so se pode acceder desde Internet ou por teléfono.

 As funcións interactivas de televisión dixital terrestre implican un diálogo entre o equipo e o centro de servizo. Para acceder aos servizos interactivos é necesario dispor dun decodificador dixital interactivo recoñecible pola presenza do logotipo MHP, que é un estándar europeo para televisión dixital interactiva.
 Pódense distinguir dous tipos servizos interactivos na TDT en función do seu grao de interactividade:
 
Interactividade Local

É a información que ven incrustada no propio sinal dixital, e que permite ao usuario navegar polos contidos recibidos, usando o mando a distancia para interactuar.  Neste caso o usuario pode acceder á información pero non pode enviar datos de volta desde o seu receptor.

 

Algúns exemplos deste tipo de interactividade que todos coñecemos son:

 
  • Guía Electrónica de Programación (EPG)
  • Teletexto
  • Xogos
  • Outros servizos de información coma noticias, o tempo, tráfico, etc.
 
Interactividade Total

Neste caso o usuario interacciona en relación aos contidos que está recibindo pola canle de difusión, podendo enviar respostas por unha canle de retorno. Exemplos deste tipo son as votacións, chats o enquisas. Faise pois imprescindible dotar ao sistema dunha canle de retorno. Respecto a esta canle ascendente, as especificacións DVB determinan a utilización de diversas tecnoloxías para realizar o retorno: mediante a rede telefónica básica (módem analóxico ou RDSI), ADSL, redes sen fíos (GSM/GPRS, UMTS).

 

Algúns exemplos de servizos deste tipo que é posible ofrecer son:

  • Servizos das Administracións Públicas (T-Administración)
  • Servizos comerciais ou de entretemento: enquisas, votacións, concursos, publicidade interactiva, chat, ...
  • Servizos de televenta
  • Acceso a Internet, correo electrónico

O estándar utilizado en España para acceder á interactividade total é o MHP, que é un estándar europeo para televisión dixital interactiva. Os decodificadores compatibles con esta tecnoloxía recoñecense pola presenza do logotipo MHP.

mhp

Utilizando este estándar, é posible enviar a información do usuario final a través dunha canle de retorno que pode ser de varios tipos (módem, ADSL, etc.), se ben os actuais decodificadores MHP integran habitualmente un módem para a súa conexión á liña telefónica convencional.

 

Televisión Híbrida HbbTV

Hybrid Broadcast Broadband TV ou “HbbTV” é unha iniciativa creada para harmonizar a emisión da televisión (Broadcast) e os servizos de banda ancha (Broadband) co fin de que os consumidores poidan acceder a novos servizos de entretenemento e interactuar cos todos os contidos dixitais que ofrezan as cadeas de televisión , tales como vídeo baixo demanda (VoD), votacións en directo, publicidade interactiva, xogos en rede, redes sociais, a través dos seus televisores. O HbbTV é unha evolución do tradicional teletexto.

O primeiro portal HbbTV, púxose no aire en España o 15 de xullo de 2011, sendo accesible ao sintonizar TVE1 desde un dispositivo con capacidade HbbTV. Ata o de agora é un piloto con poucos contidos, pero entrará en servicio o 7 de maio de 2012. A finais do 2011, a TVG tamén inicia as probas experimentais para a implementación do HbbTV.

Para poder conectarse aos servizos dixitais ofrecidos polas cadeas de televisión, é necesario que o televisor teña incorporado o estándar HbbTV ou engadir un módulo adicional aos receptores externos.

hbbtv