“Usamos cookies propias e de terceiros para fines estatísticos, análise de uso e medición da nosa páxina web. En ningún caso se utilizarán as cookies para recoller información de carácter persoal.”

Se continúa navegando consideramos que acepta o seu uso

Acepto

Compartir

Proposta de ampliación do prazo para a finalización das emisións de TDT con calidade SD.

26/07/2022 – O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, ven de iniciar a tramitación da modificación do Real Decreto 391/2019, de 21 de xuño, polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre e se regulan determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital,  mediante a publicación para audiencia e información pública do proxecto de Orde para realizar dita modificación.

O Real Decreto 391/2019, dispuxo unha limitación temporal á emisión das canles de televisión en definición estandar. Segundo este, a data límite para a emisión con esta resolución é o 1 de xaneiro de 2023. A partir desa data, a emisión do sinal da TDT debería ser en alta definición (HD).

O obxectivo da Orde para a modificación deste Real Decreto é pospoñer a data de fin do cese obrigatorio para as emisión da televisión dixital terrestre en definición estandar ata o 14 de febreiro de 2024.

O Ministerio pon a disposición un espazo para a participación pública a través do cal se poderán  presentar aportacións, no marco deste trámite,  ata o 4 de agosto de 2022.

Para mais información pode consultar o seguinte enlace:

https://portal.mineco.gob.es/es-es/ministerio/participacionpublica/audienciapublica/Paginas/Proyecto_RD_modifica_391-2019.aspx

RTVE lanza un comunicado no que se posiciona sobre a continuidade da televisión gratuíta e de libre acceso.

16/06/2022: Radiotelevisión Española é membro do grupo “Television abierta”,  conformado polos principais axentes da Televisión Dixital Terrestre (TDT) en España, cuxa principal motivación é contribuír ao impulso da televisión de acceso universal, libre e gratuíto. Neste sentido, RTVE publicou un comunicado na súa páxina web a través do que se une á petición do grupo pola continuidade do acceso libre e gratuíto da TDT.

Na actualidade a TDT utiliza a banda de frecuencias que vai de  470 a 694 MHZ, sub700MHz, e o uso desta banda está blindada para o servizo de televisión terrestre ata o 2030. Así, durante os próximos 8 anos, a actual TDT ten garantida a súa emisión.

Non obstante, no 2023 producirase a seguinte Conferencia Mundial de Radiocomunicacións (CMR-23). Nestas conferencias, reúnense os gobernos, os organismos reguladores e a industria para actualizar o regulamento de Radiocomunicacións da Unión Internacional de Telecomunicacións. Na CMR-23 está previsto que se traten temas que poden afectar directamente á TDT, como a liberación de mais frecuencias da banda que está a utilizar para outros usos, ou mesmo a desaparición  total da TDT, co que, tal e como defende RTVE, débese preservar dita banda para que  a TDT garanta un acceso universal, libre e gratuíto dos cidadáns españois á televisión, sen alterar a competencia existente no sector audiovisual  e a propia produción española de contidos.

Fonte: https://www.rtve.es/rtve/20220615/rtve-apoya-television-abierta-tdt-universal-libre-gratuita/2384169.shtml

Comeza a conta atrás para a finalización das emisións de TDT con calidade SD

02/06/2022 – O Real Decreto 391/2019, polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre (TDT), dispuxo unha limitación temporal á emisión das canles de televisión en definición estandar. Segundo este, a data límite para a emisión con esta resolución é o 1 de xaneiro de 2023. A partir desa data, a emisión do sinal da TDT deberá ser en alta definición (HD).

Esta semana a cadea de televisión DMAX comezou as súas emisións de TDT en alta definición. Únese deste xeito as cadeas xeneralistas que xa emiten nesta resolución desde fai tempo, pero a diferenza destas, DMAX non emite simultaneamente coa definición estandar, polo que, para seguir vendo esta canle, deberá comprobar que o seu receptor de televisión está preparado para a recepción da TDT en alta definición, en concreto deberá contar coa cualificación HD. Se o seu televisor ten menos de dez anos, e dicir é posterior ao 2011, xa debería contar con ditas especificacións e poderá seguir vendo a TDT en HD. Se o seu televisor é mais antigo, deberá verificar se nas especificacións conta cun codificador de vídeo H.264/MPEG-4 AVC, especificacións establecidas segundo o Real Decreto 691/2010, do 20 de maio, polo que se regulamenta a Televisión Dixital Terrestre de Alta Definición.

No caso de non dispor dun televisor HD, non sempre será preciso cambiar de televisión, xa que existen dispositivos no mercado para facer compatibles os televisores mais antigos coas emisións da TDT en formato HD, aínda que perdendo as vantaxes da resolución de alta definición.

Nos vindeiros seis meses, o resto de cadeas que aínda non emitan a súa programación en HD deberán ir realizando o cambio, xa que ao inicio do próximo ano están obrigadas a emitir en alta definición.

Para mais información pode consultar as páxinas web da TDT Galicia ou televisiondigital.es:

http://www.tdtgalicia.es/ntdt/index.php?option=com_content&view=article&id=244&Itemid=131
https://televisiondigital.mineco.gob.es/

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital publica a Orde que rexerá as actuacións para evitar interferencias do sinal de telefonía no servizo de televisión.

16/02/2022 – O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital publicou no BOE a Orde EDT/100/2022, mediante a que se establecen as actuacións que deben realizar os operadores prestadores de servizos de comunicacións electrónicas móbiles nas bandas de frecuencias do primeiro dividendo dixital e do segundo dividendo dixital para garantir que a posta en servizo das estacións emisoras en ditas bandas non afecte ás condicións existentes de recepción do servizo de televisión.

Segundo a citada Orde os operadores de telefonía móbil deberán analizar e, no seu caso, resolver as afectacións á recepción do sinal de Televisión Dixital Terrestre debidas ao acendido dunha estación base, comunicadas polos cidadáns nun prazo de seis meses desde dito acendido.

Por outra banda, establécese un prazo máximo para a resolución das afectacións comunicadas de 5 días hábiles, a contar desde a comunicación da afectación. Os operadores de comunicacións electrónicas móbiles deberán crear de forma conxunta un Centro de Atención ao Usuario e unha Oficina Técnica para os Concellos, a través dos que proporcionen información, recepcionen e xestionen as comunicacións de afectacións.

O custe de todas as actuacións necesarias para resolver as afectacións será gratuíto para os cidadáns xa que deberá ser asumido polos operadores.

Esta Orde deroga e ven a ser unha ampliación da Orde IET/329/2015, na que so se tiñan en conta as posibles afectacións debidas ao despregue realizado polos operadores de telefonía móbil na banda do primeiro dividendo dixital.

Para mais información:

https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2022-2532

 

A CNMC informa positivamente o proxecto de Orde que rexerá as actuacións para evitar interferencias no servizo de televisión.

15/02/2022 – A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC ) ven de aprobar o seu informe sobre o Proxecto de Orde que establece as actuacións a realizar polos operadores móbiles para garantir que a posta en servizo das estacións de telefonía móbil nas bandas de 800 e 700 MHZ, que comprenden as frecuencias liberadas durante o primeiro e segundo dividendo dixital, respectivamente, non afecten á recepción do servizo de televisión.

Este informe, en xeral, valora positivamente o proxecto de Orde e urxe á súa aprobación para poder iniciar o despregamento das redes de telefonía móbil 5G na banda de 700MHz, sen que isto afecte ao servizo de televisión que se emite en bandas adxacentes.

Por outra banda, a CNMC propón unha serie de modificacións, co fin de mellorar e ampliar a información accesible ao cidadán e reducir os prazos de resolucións das afectacións comunicadas.

Para mais información:

https://www.cnmc.es/expedientes/ipncnmc05321