Probas da emisión da Televisión Dixital Terrestre a través da tecnoloxía móbil 5G.
13/07/2023: Entre as opcións de uso da última xeración de redes móbiles, as que emiten con tecnoloxía 5G, estase a estudar a posibilidade de ver a Televisión Dixital Terrestre a través dunha conexión 5G, o chamado “5G Broadcast”.
A tecnoloxía 5G facilitará aos radiodifusores a transformación do seu negocio e achegarse ás novas xeracións, altamente conectadas, permitíndolles achegar os seus contidos a calquera dispositivo móbil.
O “5G Broadcast”, non implica recibir a TDT a través de internet, co conseguinte consumo de datos, senón en transmitir directamente a imaxe e o son da Televisión Dixital Terrestre sobre o sinal de telefonía móbil e envialo directamente ao dispositivo móbil, compatible coa tecnoloxía 5G.
Ademais, permite aos radiodifusores interactuar cos espectadores e, sempre que estes teñan a posibilidade de uso de datos no seu dispositivo, poderán acceder a servizos complementarios que ofrezan, como accesos a catálogos baixo demanda, enquisas, sorteos.
Polo de agora en España, so se fixeron emisións en probas da TDT a través do 5G, como a realizada en febreiro de 2023, durante as celebracións do salón internacional do audiovisual e do Mobile World Congress, dando cobertura do sinal ao recinto no que se celebran as dúas feiras e transmitindo os contidos proporcionados por RTVE.
Vantaxes do 5G Broadcast:
- Non xera consumo de datos.
- Baixo consumo de batería.
- Non se precisa tarxeta SIM.
- Goce dos programas de TV desde un dispositivo móbil.