Posibles interferencias do sinal de telefonía 5G na TDT
01/11/2021 – O pasado mes de outubro, publicouse a resolución para o outorgamento das frecuencias do espectro radioeléctrico, para o despregamento, por parte dos operadores de comunicacións móbiles, de redes e servizos de telefonía móbil con tecnoloxía 5G en España, na banda de 700 MHz. Isto foi posible grazas á liberación durante os anos 2019 e 2020, das canles que estaba a utilizar o servizo de Televisión Dixital Terrestre (TDT) nesta banda. Este proceso rematou o 31 de outubro de 2020.
Durante o verán do 2021, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, xunto cos operadores de telefonía móbil e os fabricantes de equipos, realizaron probas, para comprobar os problemas de compatibilidade entre a tecnoloxía móbil 5G e a TDT, así como as solucións para evitar posibles interferencias na recepción da TDT.
Estas probas piloto deron como resultado que os problemas que o sinal 5G pode causar na recepción da TDT son similares aos que xa se produciron coa emisión de telefonía móbil 4G, iso si, noutra banda de frecuencias, e a principal solución proposta foi a instalación de filtros á saída da antena de recepción, nas vivendas afectadas.
Unha vez adxudicadas as frecuencias liberadas, o Ministerio saca a información pública o borrador da Orde pola que se establecerán as actuacións que deberán realizar os operadores do 5G, para garantir a cobertura existente da TDT. A solución principal proposta en dito borrador é tamén a instalación de filtros á saída de antena, nas vivendas afectadas.
O prazo para presentar aportacións a este borrador, remata o 22 de novembro de 2021.
Máis información en: