Oficina da TDT

Oficina Técnica de TDT
Durante o ano 2007 a Secretaría Xeral de Comunicación, nunha iniciativa pioneira dentro do panorama nacional, creou a Oficina Técnica de Televisión Dixital Terrestre en Galicia para dar resposta aos retos da transición á tecnoloxía dixital.
Esta oficina nace coa misión e os obxectivos estratéxicos que se amosan a continuación:

Traballos realizados ata o de agora
O primeiro dos traballos desenvolvidos pola Oficina de TDT foi a caracterización e elaboración dun ‘Diagnóstico do escenario de explotación da TDT en Galicia’, como exercicio necesario para a identificación das barreiras que estaban a actuar como inhibidoras do desenvolvemento efectivo da TDT na nosa Comunidade Autónoma, e como paso previo á definición de todas as liñas de actuación, recollidas posteriormente no Plano Director, que se ergan en facilitadores desas barreiras.
Tras a elaboración do diagnóstico, elaboráronse dúas guías/titoriais de actuación para o desenvolvemento dos proxectos de TDT en Galicia.
As guías van destinadas aos concellos galegos e entidades privadas interesados na explotación dunha canle de televisión dixital local. As guías expoñen de xeito claro e cunha linguaxe comprensible os pasos a seguir dende que se leva a cabo a solicitude para a xestión dunha canle de televisión local ata o comezo da emisión da mesma. Están elaboradas de acordo coa normativa vixente que regula o proceso de concesión das canles de televisión dixital tanto en réxime de xestión directa como indirecta.
Acceso ás guías/titoriais de actuación para o desenvolvemento dos proxectos de TDT en Galicia, tanto en xestión directa como en xestión indirecta
Despois da elaboración do diagnóstico do escenario de explotación da TDT en Galicia e das guías/titoriais para o desenvolvemento dos proxectos de televisión, un dos fitos máis importante tras a creación da Oficina Técnica de TDT foi a elaboración do Plano Director da mesma, no que se recollen as actuacións que esta deberá levar a cabo durante os próximos anos para asegurar o correcto despregue da TDT na nosa Comunidade Autónoma.
Plano Director da Oficina Técnica de TDT en Galicia
Este Plano Director constitúe a base sobre a que xirará a actividade da Oficina Técnica ata a data do apagamento, amosando as actividades e grupos de traballo a desenvolver, a metodoloxía de lanzamento dos mesmos, os recursos necesarios, o modelo de avaliación dos resultados obtidos, etc.
Estrutura organizativa, grupos de traballo e actividades
O Plan Director establece a seguinte estrutura organizativa para a Oficina Técnica da Televisión Dixital Terrestre.

Como se pode apreciar, a Oficina Técnica de TDT está encabezada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, responsable de orientar e dirixir as actuacións da mesma. Ademais, a oficina creou e está a dinamizar os grupos de traballos -inicialmente 5- creados coa intención de abordar aquelas actividades que se consideran cruciais de cara ao éxito da transición dixital en Galicia e que necesitan da experiencia dos axentes implicados no despregue da televisión dixital terrestre en Galicia.
Actividade da Oficina Técnica de TDT
Estes 5 grupos de traballo complétanse coas actividades que se presentan a continuación e que resumen a operativa diaria da Oficina Técnica de TDT. Estas actividades comprenden tarefas diversas tales coma a elaboración dun mapa de infraestruturas da TDT en Galicia, toma de medidas de cobertura real, elaboración de plans de comunicación,tarefas de asesoramento técnico, etc.. Todas estas actividades atópanse na actualidade en pleno funcionamento.

Carteira de servizos
Os grupos de traballo e actividades da Oficina Técnica de TDT dan lugar a unha serie de servizos dirixidos aos diferentes axentes involucrados na contorna da TDT (cidadáns, concellos, instaladores, operadores de rede ou de TDT).
Tal e como recolle o gráfico seguinte, esta carta de servizos trata de dar resposta as necesidades particulares de cada un destes axentes abranguendo aspectos coma a formación e asesoramento na implantación e no mantemento de enche-ocos, o asesoramento e soporte técnico no desenvolvemento dos proxectos de televisión ou o asesoramento e soporte técnico na demanda de información dos cidadáns.
