“Usamos cookies propias e de terceiros para fines estatísticos, análise de uso e medición da nosa páxina web. En ningún caso se utilizarán as cookies para recoller información de carácter persoal.”

Se continúa navegando consideramos que acepta o seu uso

Acepto

Compartir

Comeza o cambio de frecuencias para a liberación do segundo Dividendo Dixital na provincia de Pontevedra

30/01/2020 - O 20 de xaneiro comezou a liberación do segundo dividendo dixital nos concellos da provincia de Pontevedra agás no concello de Dozón, cuxo inicio será o vindeiro 17 de febreiro.

Este proceso durará aproximadamente 6 meses, e consiste na reorganización e abandono dalgunhas canles nas que se está a emitir a TDT na actualidade para deixar libre a banda de 700 MHz (frecuencias entre 694 Mhz e 790 MHz), necesaria para os novos servizos de banda larga (5G).

Durante o cambio de frecuencias, as cadeas de televisión emitirán simultaneamente (simulcast) a través das novas e das antigas frecuencias na maioría dos centros da rede principal de difusión. Producirase a migración de dúas das frecuencias actuais a outras por debaixo dos 700MHz, agás nos concellos de Lalín, Silleda Vila de Cruces e Agolada. Estes concellos poden recibir o sinal de televisión do centro de difusión de Lalín (Monte Carrio), no cal só se producirá a migración dunha frecuencia, a que afecta ao múltiple autonómico. Estes cambios implicarán que sexa necesario facer unha resintonización de canles nos televisores.

Os edificios que conten con instalación de antena colectiva con sistemas monocanle ou centraliñas programables, deberán realizar adaptacións nos seus equipamentos. Para levar a cabo esta adaptación, as comunidades de propietarios deberán poñerse en contacto cun instalador de telecomunicacións rexistrado para efectuala. O custo das devanditas actuacións estará subvencionado: o día 21 de xuño de 2019 aprobouse o Real Decreto polo que se conceden subvencións para das actuacións nos sistemas de recepción do sinal de TDT nas edificacións afectadas polo segundo Dividendo Dixital. A contía da subvención oscila entre 104,3€ e 677,95€, en función dos cambios precisos para a adaptación. A solicitude de axudas realizarase online ata o 30 de setembro de 2020 trala realización da adaptación das instalacións de recepción do sinal da TDT. Soamente poderán solicitar axudas para as actuacións realizadas por empresas instaladoras rexistradas no Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Por outra banda, as vivendas unifamiliares ou individuais non necesitan realizar está adaptación, sendo suficiente a resintonización das canles.

Os cidadáns poderán consultar as súas dúbidas na páxina web http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 y 910 889 879.